Quen Somos

 

Cáritas é o organismo oficial da Igrexa para promover, orientar e coordinar a acción social dentro do territorio asignado. Cáritas fomenta a comunicación cristiá de bens para cooperar na promoción humana dos empobrecidos e no seu desenvolvemento integral, co fin de facer posible que eles mesmos participen no seu crecemento persoal e de autoestima.
Cáritas está formada por persoas que unen os seus esforzos para traballaren por un mundo mellor. Os voluntarios, co seu compromiso solidario e gratuíto, son o verdadeiro motor da entidade, mais conta tamén con técnicos contratados que dan apoio aos diferentes proxectos e á actividade xeral da entidade.


Cáritas é:
•    Signo de credibilidade da Igrexa (miren como ama quen está na comunidade cristiá!).
•    Signo de visibilización da Igrexa de Xesús: ser Igrexa pobre con/para/desde os pobres.
•    Signo de actualización dos signos de Xesús: sandar, liberar, dignificar, levantar, servir desde abaixo, acompañar, buscar, acoller...
•    Signo para recoñecer a Xesús encarnado nos empobrecidos e para comprometerse, con todas as consecuencias, no seu camiño de liberación.

Cando Cáritas actúa non é ela quen o fai, senón a Igrexa no seu conxunto, e a comunidade cristiá é o seu axente.  A Igrexa quere que a nosa acción e  a nosa organización sexan a canle para o desenvolvemento do compromiso cos máis desfavorecidos, ao estilo de Xesús.

 

Cáritas recibe diferentes nomes segundo o territorio onde actúa: diocesana, interparroquial, de zona pastoral e parroquial. O seu presidente  é o bispo e, polo seu mandato, o delegado episcopal.

Cáritas na Coruña está formada polas Cáritas de 36 parroquias que pertencen a catro arciprestados: Faro, Catro Camiños, Monelos e Riazor. Están coordinadas e comunicadas por Cáritas Interparroquial.

A Interparroquial ten dous niveis de goberno e representación: a Comisión Permanente e o Consello de Cáritas Interparroquial. Ambos os órganos están presididos pola directora de Cáritas Interparroquial.

Cáritas Interparroquial ten un equipo humano de voluntarios e persoal técnico contratado que fai posible o desenvolvemento das súas actividades e recursos, que se estruturan en: Secretaría, Xestión e administración, Participación, comunicación e voluntariado, Atención social e primaria e Formación, emprendemento e inserción laboral.